Thursday 02 de May de 2024

O Concello impulsa dous novos percorridos guiados, poñendo en valor o pasado romano e da Ilustración no conxunto da cidade


Xa son catro as rutas que ofrece o programa Andainas Guiadas, dirixido polo historiador Suso Martínez por puntos da Coruña como o castelo de Santo Antón, os Cantóns e o barrio da Pescaría

O Concello presentou esta mañá os dous novos percorridos do programa Andainas Guiadas, que incrementa así a catro o número de rutas dispoñibles para dar a coñecer o pasado histórico-cultural da Coruña.

Así, desde este mes de marzo, e ademais das andainas ‘Ruta polo Deporte coruñés e os 50 anos do Palacio dos Deportes de Riazor’ e ‘Ruta polas Murallas da Coruña’, dirixidas polo historiador e guía turístico Suso Martínez, engádense agora os percorridos pola Coruña romana e da Ilustración, ideados para poñer en valor a herdanza destes períodos históricos en distintos puntos da cidade.

“Esta é unha cidade na que se pode camiñar mentres se contan moitas historias. No caso da andaina da Coruña romana, levarase a cabo desde o castelo de Santo Antón, comezando cunha visita guiada á sala arqueolóxica da Romanización do Museo de Santo Antón, identificándose varios elementos epigráficos, náuticos, cerámicos, arquitectónicos e funerarios, chegando despois ata os Cantóns; e na referente á Coruña da Ilustración, partirá desde a praza do Pintor Sotomayor, diante do Real Consulado, ata a antiga Fábrica de Tabacos”, apuntou o guía Suso Martínez na presentación, na que tamén estivo presente a concelleira de Deportes, Mónica Martínez.

A quen vai dirixido o programa Andainas Guiadas
Este programa, gratuíto, está dirixido inicialmente ao alumnado das Escolas Deportivas Municipais e, no caso de que quedasen prazas libres, ábrese a toda a cidadanía. Permítese a participación de menores de idade, sempre que vaian acompañados dunha persoa adulta que tamén esté inscrita na andaina.

O prazo de inscrición para o conxunto total das Andainas Guiadas durante o mes de marzo xa está aberto, e o formulario está dispoñible a través da ficha específica do programa Andainas Guiadas na páxina web do Concello da Coruña. As datas dos percorridos son as seguintes.
● Roteiro 1: Ruta polo Deporte coruñés e 50 anos do Palacio dos Deportes de
Riazor
○ Todos os venres de marzo.
● Roteiro 2: Ruta polas Murallas da Coruña
○ 6 e 27 de marzo.
● Roteiro 3: A Coruña Romana
○ 13 de marzo.
● Roteiro 4: A Coruña da ilustración
○ 20 de marzo.